ROSESGUIDE

ROSESGUIDE
MI WEB

lunes, 3 de marzo de 2008

Os primeiros humanos da Galiza


Na Galiza, os vestixios máis antigos de humanos son útiles tallados en cuarcita (da sociedade paleolítica) que se localizan en todo o litoral, destacando os atopados nas Gándaras de Budiño (Pontevedra). A escaseza de covas dificulta a localización de lugares de hábitat e sen poucas zonas ben prospectadas; cando isto ocorre, como é o caso dos arredores de Vilalba, atópanse indicios de presencia humana, o que indica que o poboamento iríase estendendo cara o interior a medida que avanza o período paleolítico.

Arredor do 6.000 a.C. comezan a detectarse na vertente mediterránea da Península indicios do cambio que supuxo a revolución neolítica: cultivo da terra, doma de animais, inicio da metalurxia, útiles máis complexos,... mais na Galiza a introdución da agricultura segue presentando moitas dificultades no seu estudo por falta de vestixios claros.

Durante o calcolítico ou Idade do Cobre tivo aparición a cultura megalítica. Na Galiza consérvanse varios miles de construcións megalíticas, especialmente as de finalidade funeraria: antas (construcións con cámara de grandes pedras que poden ter un corredor de entrada) e mámoas (túmulos de terra de planta redondeada e sección semicircular que protexen a construción interior). Ó longo do tempo estas construcións foron evolucionando dende as iniciais (3500 a.C.), formadas só pola cámara, ás que se completan cun corredor (2500-2200 a.C.) e xa as de fase final, de menor tamaño e plantas rectangulares (2000-1800 a.C.). Os enxovais funerarios (atopados nas escavacións de antas como Dombate, Argalo ou Parxubeira) estaban formados por fermosas pezas de pedra lascada e pulimentada, cerámicas lisas e decoradas de variadas formas, doas de colar, figuriñas a xeito de ídolos,... Ademais das antas, consérvase na Galiza algunha pedrafita e, até hai uns anos, varios círculos líticos (está na actualidade en perigo un en As Pontes por mor da construción dunha autovía). Coincidindo coa fase final do calcolítico e os inicios do bronce (2300-1400 a.C.) estendeuse por gran parte da Península e de Europa un tipo de vasilla, o vaso campaniforme, así chamado pola forma que presenta e que na Galiza está asociado aos megálitos (tamén foron atopados varios en As Pontes, un dos cales foi perdido pola USC).

Na Galiza, a metalurxia do bronce (1800-1000 a.C.) está documentada pola aparición de pezas (espadas, coitelos, braceiras...) moi descontextualizadas, de xeito que descoñecemos case todo o referente aos hábitats e costumes daqueles pobos. A esta cultura atribúese o meirande tesouro en ouro prehistórico galego -o tesouro de Caldas de Reis-, así como tamén moitos gravados en pedra ó ar ceibe -os petroglifos-, moi abundantes na actual provincia de Pontevedra, e que destacan os motivos animais (especialmente cervos) e xeométricos (círculos, espirais).

Fonte.- BLOGOTECA

No hay comentarios: