ROSESGUIDE

ROSESGUIDE
MI WEB

sábado, 15 de septiembre de 2007

Quen pode salvar Galiza?

Xa voltei do mitin e xa sei que os socialistas teñen preocupación de resolver os problemas desta terra de latifundios, rexida por un bárbaro sistema feudal. Os oradores falaron ao corazón dos “castúos” e déronlle a espranza dunha vida mellor. Tamén falaron ao meu corazón de home. Pero saín do mitin a cavilar na desventura dos labregos de Galiza, que non son obreiros nin patróns, que non poden avencellar os seu problemas vitaes á preocupación dos grandes partidos de clase, e que, polo tanto, verán as súas reivindicacións ao marxe do balbordo revolucionario que inza esta Hespaña anacrónica, detida no réxime patrimonial que tivo por orixe a usurpación e conquista. ¿Pode acaso o Estado centralista, fillo destes páramos calcinados, preocuparse doutra cousa que non sexa o de transformar a estrutura dos seus latifundios, sacándolle a terra a quen non a traballa, para construír, por fin, a clase agrícola que necesita? Non; o Estado actual non ten lecer para ocuparse do problema minifundista de Galiza, anque este apareza tinguido de terribles inxustizas e o seu desarranxo teña doada solución con sóio aceptar a necesidade dunha reforma múltiple. Pero como Galiza non é unha estepa e os seus problemas son minoritarios, quedará sempre excluída do “intrés nacional” en canto a Lei sexa única.


¿Quen pode pois salvar a Galiza? Galiza mesma. ¿Como? Cun gran partido político nidiamente galego. ¿E para que? Para que a nosa Terra conquira o dereito a lexislar para si mesma. ¿E cando contaremos con ese gran partido? Cando os nosos labregos abran os ollos e deixen de votar a quen non comprende a nosa diferenciación.

Castelao. Sempre en Galiza. Adro, IV (páxs. 19-20)

No hay comentarios: